Thursday 16 de May de 2024

Feijóo avoga por aproveitar a estabilidade de Galicia para impulsar grandes acordos de país no eido do emprego, na aposta polo rural e por mellorar o futuro dos servizos públicos e nun novo modelo de financiamento autonómico


“Temos marxe para tecer consensos galegos que nos permita trazar, con acordos amplos, o futuro máis próximo, pero sobre todo o futuro do medio e do longo prazo, e tamén estar no terreo de xogo dos debates nacionais”, di

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe por aproveitar a estabilidade que Galicia xa ten para impulsar grandes acordos de país no eido do emprego, na aposta polo rural e por mellorar o futuro dos servizos públicos e nun novo modelo de financiamento autonómico. “Temos marxe para tecer consensos galegos que nos permitan trazar, con acordos amplos, o futuro máis próximo, pero sobre todo o futuro do medio e do longo prazo, e tamén estar no terreo de xogo dos debates nacionais”, aseverou, expresando o seu convencemento de que traballar polo interese xeral tería un efecto positivo para Galicia pero tamén para todas as forzas que sexan protagonistas deses acordos transversais.

Nesta liña, e durante a conferencia A estabilidade institucional: un valor económico e social, organizada polo Banco Santander-La Voz de Galicia, propuxo algúns camiños nos que, ao seu entender, e como puxo de manifesto no Debate do investidura, sería positivo ir da man, entre os que destacou: a aprobación dunha Lei de emprego, co ánimo de que non só siga habendo máis emprego senón tamén de mellor calidade; novas medidas para facer de Galicia o mellor lugar para ser autónomo; aposta renovada polo rural, pola industria agroalimentaria e polo sector forestal; máis recursos para a rehabilitación das vilas; mellorar o futuro dos servizos públicos e afrontar o reto demográfico concretando máis prestacións para a infancia e para os maiores; e un novo modelo de financiamento autonómico.

Un modelo de financiamento autonómico non identitario e que financie servizos
“Todos son temas que merecen acordos para o medio e longo prazo” dixo, aseverando que no debate sobre o financiamento autonómico hai tres eixos nos que non deberían existir atrancos para acadar unha posición común de Galicia.

No tocante ao primeiro, Feijóo referiuse á diferenciación escrupulosa entre o debate identitario e o financeiro ou, o que é o mesmo, entre cuestións subxectivas non cuantificables e aspectos obxectivos e cuantificados, “porque a discusión sobre se o sentimento desta Comunidade é superior ao da outra, levaríanos a un bucle interminable que arruinaría calquera tipo de negociación obxectiva”.

Como segundo eixo, o presidente do Goberno galego incidiu na idea de que non se financian territorios senón servizos. E como terceiro eixo vertebrador subliñou a necesidade de evitar o bilateralismo que agocha tratos privilexiados, xa que o modelo vixente nace precisamente de acordos bilaterais coa Generalitat, cos que se pretendía aplacar inquedanzas identitarias.

Ao longo da súa intervención, Feijóo insistiu en que a nivel interno, pero tamén no conxunto de España, estamos nos prolegómenos de debates esenciais nos que servir axeitadamente a Galicia obriga a defendela conxuntamente, sen perseguir aliñamentos partidarios ou ideolóxicos que nada axudarían aos galegos. “Galicia ten intereses colectivos permanentes que piden maiorías reforzadas, maiorías transversais, maiorías de país”, sentenciou.

Ao respecto, referiuse ás infraestruturas pendentes como o AVE, “que esixen que en Galicia esteamos permanentemente vixiantes para que o compromiso do Goberno central se manteña nos termos pactados”.

Así mesmo, e no tocante á AP-9, avogou por aproveitar conxuntamente a porta que se abre ao conseguir que Galicia participe na xestión conxunta da Autopista do Atlántico para seguir avanzando.

Consensos amplos que permitan afianzar a posición de Galicia
Feijóo fixo fincapé en que a estabilidade non é sinónimo de inmobilismo. “Coa estabilidade avánzase máis seguro, fanse cambios máis frutíferos e lógrase que as transformacións se produzan sen merma da unidade esencial dos cidadáns”, dixo, ao que engadiu que a estabilidade “permítenos ser ambiciosos e anhelar consensos amplos que nos permitan afianzar a posición de Galicia nas encrucilladas internas que afrontamos en España”.

Sobre este punto, lembrou que a primeiros de ano se reactivará un mecanismo crucial para darlle estabilidade ao Estado das autonomías. “A conferencia de presidentes pode empezar a deixar de ser algo excepcional e protocolario”, matizou, considerando que non é coherente que os mesmos que avogan por grandes procesos constituíntes, menosprecen pequenos pasos que van construíndo grandes realidades.

O presidente da Xunta aseverou que a Comunidade vai estar defendendo os seus intereses colectivos permanentes, “e desexo que esa voz sexa consecuencia de acordos previos dos que ninguén debería excluírse”, insistiu. “É hora de escribir a política con maiúsculas para así reafirmar o noso modelo de convivencia, de crecemento, de presente e de futuro. Síntome apoiado para iso por unha maioría de galegos que nos trazaron o camiño, e que nos trasladan a mensaxe de que a maioría ten que ser aberta para todos aqueles que queiran traballar polo futuro do país”, abundou.

Galicia entrou xunta na crise, atravesouna xunta e sae xunta dela
Feijóo concluíu recordando que Galicia, lonxe de negar a crise ou fuxir dela, entrou xunta na crise, atravesouna xunta e sae xunta dela. “Galicia nin negou o evidente, nin se agochou en posicións irrealizables”, sentenciou, afirmando que a clave da resposta galega á recesión económica estivo en facer corresponsables aos galegos do que se facía, practicando o principio de que o autogoberno non era soamente unha cuestión de elites políticas, senón que afectaba á propia sociedade galega.

Nesta liña, subliñou que na meirande parte dos asuntos que o Goberno galego xestionou, sempre se viu acompañado pola maioría dos sectores produtivos, implicados na tarefa común de solucionar a crise económica. “Por iso, a mellora do sector da automoción non é mérito do Goberno autonómico porque detrás está a capacidade de renovación da planta de Citröen e toda a industria auxiliar. O mesmo ocorre no naval, no recente impulso ao sector lácteo, ou en calquera das actividades que teñen mellorado e revertido a práctica totalidade dos indicadores económicos”.